



“Retrato Feminino” (2008) foi unha intervención con fio sobre parede, realizada in situ nas instalacións do Centro Cultural da Deputación de Ourense con motivo do VII Certame de Artes Plásticas que organiza a Deputación, e no cal a obra obtivo un accésit. Na anterior edición participei con outra intervención que levaba por título “We Are Half Naked” (2007). Estaba formada por un conxunto de espidas creadas con cinta adhesiva de embalar, todas elas coa cabeza e a face totalmente cubertas polas súas cabeleiras. As imaxes estaban baseadas en fotos eróticas atopadas na Internet, que decidín representar deste xeito para poder expresa-la media “desnudez” desas modelos, pois sempre se agocha unha parte delas: a interior. Non se trata do interior anatómico da persoas, senón daquel no que xoga un papel fundamental o cerebro e o pensamento.
En “Retrato Feminino” (2008) quixen crear figuración en grande formato a partires de pequenos elementos que ao unírense e organizárense producían unha imaxe. Xa anteriormente realicei algunha peza con esta mesma idea, como “The Unattainable Kiss” (2007), clavando puntas sobre tablóns de madeira. O recoñecemento claro do rosto dunha muller ao ser visto de lonxe contrasta coa desilusión ao estar preto da obra e descubrir o material que a compón. Un material que nos fai reflexionar sobre todo o que perdemos de ver cando observamos as imaxes que invaden á sociedade posmoderna.
Tamén no ano 2008, o Concello de Noia produciu unha intervención (“Retrato Feminino”) sobre táboa, pero con público. O material empregado foi a cinta adhesiva de embalar, un material que adoita estar no ámbito das mercancías, dos mercados, dos obxectos de consumo. Emprego cinta adhesiva marrón de embalar en relación ao tratamento de productos de consumo masivo que se lle da ás imaxes eróticas de mulleres espidas.
Na obra que me seleccionaron recentemente no GZcrea 2009, titulada “Espida” (2009), empreguei o debuxo para delimita-lo contorno dunha muller. Ao igual que os trazos crean debuxos, os fios tamén poden chegar a crear unha tea, e moitos pelos unha cabeleira. Como noutras obras anteriores (como “Retrato Feminino”), aquí o fio negro emprégase como imitación do cabelo, con todo o que isto conleva. O pelo posue un valor esencial na caracterización das persoas, e dun xeito especial na idea estética da muller. As consideracións varían nas diferentes relixións, culturas ou grupos sociais, pero todos coinciden no importante valor do pelo. A forza capilar garda relacións coa chamada forza das “armas de muller”. Armas que poderían ser representadas por Dalila e Sansón, ou Judit e Holofernes. Dalila privou a Sansón da súa fortaleza cortándolle o pelo, e Judit tivo moi en conta o valor do seu cabelo para seducir a Holofernes antes de decapitalo. Nos dous casos o representando non é outra cousa máis que a loita dos sexos ante o medo que, dende sempre, experimentou o home a quedar perante a muller.
O elemento fundamental da peza, o fio negro, aínda sendo unha mímese do pelo non abandona completamente o seu valor propio. Tarefas como coser, texer, calcetar ou palillar sempre foron propias é únicas do sexo feminino. A creación desta peza leva a empregar o fio dun xeito impulsivo, non contido, ao debuxar dispoñendo os fios dun xeito determinado para chegar á imaxe, pero coa negación de coser ou de texer dita representación. Na actualidade continuo a traballar nunha serie de pezas nas que combino os dous elementos (o fio negro e a cinta de embalar) e que leva tamén por título “We Are Half Naked”.